
Grazas por permitirme compartir con vós este almorzo que máis que un encontro de traballo, gústame afrontalo como unha oportunidade para:
– por unha banda, explicar o plan que a Xunta de Galicia ten para Vigo, probablemente a cidade á que máis tempo levo dedicado nos 10 meses que levo de conselleira, porque así o merece.
– e, por outra, é unha oportunidade para escoitar de primeira man as preocupacións dos veciños.
Máis se cabe, porque hoxe teño a ocasión pouco habitual de encontrarme con empresarios, autoridades públicas, representantes sociais… en definitiva, moitas voces da cidade que, de seguro, teñen moito que aportar á xestión pública.
Dicía San Agustín que:
“Nas cousas necesarias, a unidade;/ nas dubidosas, liberdade;/ e en todas, claridade”
… sabias palabras completamente aplicables á xestión pública.
E ese é o estilo de traballo que o Goberno do que teño a honra de formar parte leva aplicando dende o 20 de abril de 2009:
– Apostando pola coordinación e a unión de esforzos como único camiño para superar as dificultades económicas que veñen condicionando as dúas lexislaturas presididas por Alberto Núñez Feijóo.
– Con absoluto respecto institucional, promovendo que, sen perder de vista a cooperación, cada institución se responsabilice e decida no marco das súas competencias e que nestas decisións gañen sempre os cidadáns.
– E todo, en todo momento, con absoluta transparencia e claridade. Porque así o reclama a sociedade actual e, estamos convencidos, ten dereito a que así sexa.
Deste tipo de xestión temos múltiples exemplos nesta gran área metropolitana que é Vigo:
– Iniciativas como o novo impulso á Plataforma Loxística Salvaterra – As Neves,
– A sinatura e posta en marcha do transporte metropolitano desta gran cidade,
– Ou a aposta polo Consorcio de Augas do Louro testemuñan aquí o que estou dicindo.
Nesta sala estades moitos empresarios e sabedes ben a que me refiro. Porque cando unha empresa non ten volume suficiente para acceder a un gran contrato, se une con outra, que mesmo pode ser a súa competencia, para gañar capacidade e relevancia.
Porque a UNIÓN fai a forza, sempre que se faga con vontade de sumar e complementarse.
Por todo iso, pola necesidade d UNIÓN, Vigo FAI MOITO TEMPO QUE DEIXOU DE SER UN MUNICIPIO PARA PASAR A SER UNHA GRAN ÁREA METROPOLITANA.
Porque para a área metropolitana é fundamental o Concello de Vigo, pero este Concello tamén lle debe moito aos concellos de Baiona, Cangas, Gondomar, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Redondela, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Pazos de Borbén e ó resto de Concellos da área de influencia que, sen estar na área metropolitana, tamén forman parte esencial deste conxunto.
Interpretalo doutro xeito sería restarlle a relevancia que esta cidade merece:
– Unha cidade de 13 municipios e medio millón de habitantes.
– Unha cidade que aporta o un de cada cinco euros do PIB de Galicia.
– Unha cidade que converte Pontevedra na provincia máis internacionalizada de Galicia con máis do 50% das exportacións.
– E iso grazas á súa gran actividade empresarial:
- Estamos falando da área que aglutina máis superficie industrial – e que aínda precisa máis –
- E de que acolle a unha de cada catro novas empresas que se crean en Galicia.
En definitiva, estamos falando de que VIGO, o Gran Vigo de 13 concellos, se ten convertido nun MOTOR ECONÓMICO DO PAÍS.
O noso papel ten que ser continuar contribuíndo á construción dese motor.
Por iso, a aposta das administracións públicas por Vigo ten que ser DECIDIDA, UNÁNIME e con ESPÍRITO COLABORADOR.
Temos que centrarnos en buscar o mellor para os nosos cidadáns – como fin último da nosa xestión – e das nosas empresas – que son as que crean riqueza e emprego -.
En definitiva, SUMAR E NON RESTAR, para que gañen os nosos cidadáns e as nosas empresas, que é a responsabilidade das administracións públicas.
En definitiva, poñer solucións ós problemas e non poñer problemas ás solucións.
Os antigos conceptos de cidade xa non valen, a globalización mudou as necesidades das persoas e das empresas que fan que escollan unha ou outra cidade para vivir. Por iso, agora temos que incluír un novo concepto: a competitividade dos territorios.
Xa non chega con que unha cidade sexa bonita ou estea ben comunicada, agora ten que ser competitiva, e iso se consegue cun delicado equilibrio entre múltiples factores de desenvolvemento.
E para potenciar ese equilibrio, na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas temos traballado en diferentes eixes.
Porque para que a cidade sexa competitiva, precisamos apostar por:
– Un VIGO PARA AS PERSOAS, facendo desta unha cidade humana na que a calidade de vida estea ao nivel que merece.
– Tamén temos que traballar por UN VIGO RESPECTUOSO CO MEDIO AMBIENTE, no que se coide a natureza e, por suposto, no que se coide a ría que é fonte de riqueza.
– E un VIGO BEN COMUNICADO, tanto interiormente como co resto de cidades.
Estes foron os nosos eixos de traballo polo que, se mo permiten, organizarei así esta intervención.
UN VIGO PARA AS PERSOAS.-
E comezarei polo VIGO DAS PERSOAS, unha aposta na que a CMATI investiu en 6 anos máis de 100 M€:
– En primeiro lugar, para conseguir vilas amables, que conten cun urbanismo responsable e planificado que xere espazos de encontro e de esparcemento.
Este era o fin do Plan URBE que, con máis de 17 M€, permitiu actuacións como:
- a recuperación da ETEA como un espazo de cidade e á que lle imos dar un novo impulso.
– Tamén consideramos fundamental a dotación de vivendas que fixaran poboación, pensando especialmente nas persoas máis desfavorecidas:
- Para iso rematamos máis de 500 vivendas de promoción pública en San Paio de Navia, As Roteas e O Porriño.
- E para iso seguimos apostando polo Consorcio Casco Vello, que leva rehabilitado:
- preto de 100 vivendas,
- 23 baixos comerciais
- e permitiu que outros 10 inmobles sexan rehabilitados por outras institucións mediante convenios de colaboración.
- Por non entrar a detallar tódalas actuacións e subvencións outorgadas para a rehabilitación, compra e aluguer que suman máis de 13 M€.
- E tamén poderíamos incluír aquí os esforzos feitos para lograr que tódolos veciños e empresas conten cun subministro de auga de calidade. Actuacións como as melloras de abastecemento en Nigrán, ou do Morrazo que, tantos esforzos está custando, son boa proba.
– Pero neste Vigo para as persoas tamén precisábamos de algo fundamental: de ESPAZOS PARA TRABALLAR. E para iso planificamos e desenvolvemos máis solo empresarial.
- Aprobamos o Plan Sectorial de Áreas Empresariais e o rexistro de demandantes de solo, que permite ter avanzados os trámites administrativos para desenvolver novo solo empresarial alí onde se constate demanda.
- Puxemos en marcha un programa de venta de solo empresarial a prezos asequibles para ofrecer máis posibilidades de desenvolvemento ós empresarios.
- E desbloqueamos, dunha vez por todas, a maior Plataforma Loxística de Galicia que está chamada a ser o principal nodo intermodal de mercadorías no sur de Galicia: a Plisan.
Como saben, recentemente asinamos a Xunta de Galicia, o Consorcio Zona Franca e a Autoridade Portuaria o acordo que fará posible que, nas próximas semanas, se inicie a contratación da obra dos sistemas xerais que permitirán urbanizar os primeiros 700.000 m2 desta plataforma cun investimento de máis de 20 M€.
En conxunto, máis de 100 M€ para a construción dun mellor Vigo para aqueles que viven e traballan nesta gran cidade de Galicia.
UN VIGO RESPECTUOSO CO MEDIO AMBIENTE.-
O segundo dos elementos de competitividade e, polo tanto, eixe de traballo da Consellería refírese a que a cidade que construímos para ese medio millón de habitantes sexa respectuosa co medio ambiente.
En primeiro lugar porque esta é a única gran cidade de Galicia que conta cun parque nacional, o das Illas Atlánticas, que estamos conservando e promovendo e que, só no que vai de 2015, xa visitaron máis de 13.000 persoas.
Tamén porque o desenvolvemento sostible é un elemento clave de competitividade.
Pero, sobre todo, porque Vigo é unha cidade absolutamente vencellada ó mar e á súa ría. Nas súas augas reside a razón de ser da cidade porque son as que lle proporcionan:
– O seu PORTO, o máis importante de Galicia e un dos máis importantes do mundo en pesca.
– O seu TURISMO, tanto polos transatlánticos que aquí arriban como polos milleiros de turistas que cada ano se achegan ás nosas praias.
– E unha importante actividade económica derivada da PESCA E DO MARISQUEO que ten que ser xustamente valorada.
Por este motivo, o adecuado tratamento de augas residuais, pese a ser unha competencia municipal, foi unha das prioridades da CMATI e – por qué non dicilo – tamén un dos maiores quebradeiros de cabeza.
Todos coñecemos a obra da EDAR de Lagares, unha actuación que constitúe A MAIOR OBRA DE SANEAMENTO EN CONSTRUCIÓN EN TODA ESPAÑA e que é posible grazas a que a Xunta de Galicia fai O MAIOR INVESTIMENTO DA SÚA HISTORIA NUNHA INFRAESTRUTURA HIDRÁULICA.
E, neste foro de confianza, permítanme que lles diga que, sendo eu Presidenta de Augas de Galicia, o noso departamento tivo que facer un gran esforzo para atopar solución unha administrativa que fixera viable o convenio entre Acuaes, o Concello, e a propia Xunta.
Elena Espinosa, que hoxe nos acompaña, lembrarase ben dos múltiples encontros que mantivemos.
O resultado final, dos 230 M€ que se invisten na depuradora, a metade a aporta a Xunta de Galicia. E o fai con fondos propios, posto que os aportados polo Estado eran fondos europeos.
Pero, aínda que o investimento na EDAR de Lagares eclipsa outros, non podemos esquecer os esforzos feitos por outros saneamentos como:
– A EDAR e colectores de Baiona
– Ou a posta en marcha da EDAR de Guillarei.
Permítanme que me deteña uns instantes nesta instalación. Unha depuradora das máis grandes de Galicia, que debía sanear o Río Louro e que á nosa chegada en 2009 atopamos apagada.
Foi así como iniciamos un dos primeiros e máis importantes proxectos en materia de xestión de augas residuais deste Goberno: o Consorcio de Augas do Louro.
E o que permitiu todos estes investimentos foi, sen lugar a dúbidas, a colaboración institucional. Foi o entendemento entre administracións públicas para que gañen os cidadáns e as empresas que crean emprego e riqueza.
UN VIGO BEN COMUNICADO.-
Pero, tal e como puiden ler recentemente a dous catedráticos de transportes da Politécnica de Madrid[1], unha metrópoli ben deseñada, con infraestruturas e servizos axeitados para un desenvolvemento sostible, tamén precisa dunha boa conexión cos núcleos que a forman, así como co resto do país, para gañar en competitividade e evitar deseconomías producidas por conxestións do tráfico.
Así chegamos ó noso terceiro elemento de competitividade: AS COMUNICACIÓNS.
Un eido no que o Vigo metropolitano que queremos está vivindo unha fonda transformación, tanto en infraestruturas, como en servizos.
Son innegables os avances en grandes infraestruturas como:
– A AMPLIACIÓN DA AP-9 na Ponte de Rande, que constituirá unha das obras civiles máis singulares e complexas da actualidade.
– Ou o NOVO EIXO ATLÁNTICO FERROVIARIO, que nos leva en alta velocidade ata á Coruña e Santiago no contorno dunha hora permitindo un desprazamento mesmo máis rápido que en coche.
Estamos falando dun cambio de filosofía que, a medida que vaia calando na sociedade, irá mudando os usos e costumes de toda a poboación.
Falamos dun verdadeiro metro en superficie que, cunhas vistas espectaculares, une as dúas principais cidades de Galicia no mesmo tempo que se tarda de chegar en metro dende o aeroporto de Barajas ata a estación de Atocha.
E, centrándonos nos esforzos da CMATI, podemos identificar outras apostas clave pola mobilidade dos vigueses:
– Por exemplo, investindo 1 M€ para abaratar as peaxes na autoestrada do Val Miñor, unha arteria fundamental da área metropolitana.
– Tamén aportando a metade do investimento que permite que a conexión entre O Morrazo e Vigo sexa gratuíta a través da Autoestrada do Atlántico.
– Investindo 6 M€ na conservación das estradas desta área, recentemente puidemos ver obras en diferentes puntos da PO-552.
– Construíndo os accesos ao novo Hospital Público de Vigo, en plena coordinación coa Consellería de Sanidade.
– E, por suposto, dando o impulso definitivo á gran débeda de Galicia coa Ría de Vigo en materia de estradas. Refírome, como se poden imaxinar, á Autovía do Morrazo.
Unha actuación que tivo os seus atrancos, o que nos atopamos feito no ano 2009.
Lamentablemente, a situación económica, entre outros factores, impediron que esa obra se levase a cabo deste xeito e, por iso, decidimos garantir a súa execución do único xeito posible: executándoa directamente mediante fondos propios.
Licitamos os tres proxectos e, en canto tivemos o primeiro tramo aprobado procedemos a licitar a obra.
Unha aposta de máis de 20 M€ para 3 km. de actuación que permitirán algo tan importante como é a conexión directa entre a AP-9 e a nova Autovía mediante un viaduto salvando a rotonda de Rande que tantos atascos rexistra en verán.
– E temos iniciada a contratación do proxecto construtivo da terminal de autobuses para conseguir que a nova estación de Urzáiz poida chamarse intermodal.
Unha actuación que para a que xa temos garantidos os fondos europeos e que converterá a Vigo na primeira cidade cunha estación intermodal de toda Galicia.
– E, intencionadamente, deixei para o final a mellora dos servizos de transporte. Unha mellora que vén encabezada, como saben, polo transporte metropolitano de Vigo.
Un sistema intermodal, posto que inclúe autobús e transporte de ría, e que conecta ós veciños desta gran cidade con aforros medios nos billetes do 50%.
Aforros, por certo, que poderían ter sido maiores se se houbera integrado tamén o transporte urbano da cidade.
Dende logo, o que está claro é que o compromiso da Xunta de Galicia e dos doce concellos asinantes é un compromiso decidido cos seus veciños, un compromiso que pensa en intereses de país, e un compromiso que xa se está materializando.
Hoxe é o primeiro día que están dispoñibles para a súa adquisición as tarxetas de transporte metropolitano, a chamada tarxeta TMG (te-eme-ga).
E, como nova de última hora, unha vez rematados tódolos trámites administrativos e tódalas probas necesarias, pódolles confirmar que O TRANSPORTE METROPOLITANO DE VIGO SERÁ UNHA REALIDADE PLENAMENTE OPERATIVA O VINDEIRO LUNS, 27 DE ABRIL, CUMPRINDO OS PRAZOS COMPROMETIDOS NO SEU DÍA.
Polo tanto, non podo máis que mostrar a satisfacción polo compromiso cumprido e o meu agradecemento ós Concellos implicados e a tódolos técnicos que o fixeron posible tanto na Dirección Xeral de Mobilidade, como na entidade bancaria, nas empresas de transporte e nas subministradoras de maquinaria.
Esta posta en marcha supón a culminación dun proxecto que beneficiará a medio millón de veciños e o inicio dun camiño que remata na mellora da calidade de vida de todos.
Vou rematando xa esta intervención na que lles quixen expoñer a UNIDADE, LIBERDADE e CLARIDADE que o Goberno do que formo parte aplica na súa xestión e na súa política.
Unha xestión e unha política que se pode cuantificar, porque dende o ano 2009, a CMATI leva mobilizado na cidade de Vigo máis de 450 M€ de investimento, o que a converte na área con maior investimento absoluto de toda Galicia.
450 M€ que se invisten no peor momento económico da nosa democracia e que, estamos convencidos, contribuirán a potenciar a competitividade de Vigo a través:
– Da construción dun Vigo que pensa nas persoas
– Dun Vigo que é respectuoso co medio ambiente
– E dun Vigo ben comunicado.
E 450 M€ que van moito máis alá, posto que supoñen compromisos de futuro con esta cidade:
– Porque nos permitirán iniciar despois do verán as obras da nova Autovía do Morrazo e continuar coa contratación dos outros dous tramos.
– Porque sentan as bases que nos permitirán licitar as obras da primeira intermodal de Galicia, a de Vigo, no primeiro semestre do vindeiro ano.
– Porque nos permiten poñer en marcha un transporte metropolitano aberto, ó que están chamados a integrarse tanto o Concello de Vigo como outros concellos limítrofes do Baixo Miño e do Condado.
– Porque constatan o compromiso das Administracións coa Plisan para que o porto de Vigo medre en 3 millóns de metros cadrados en Salvaterra e As Neves.
– Porque poñen de manifesto a coordinación entre departamentos da Xunta para poñer en servizo un novo hospital público contando cuns accesos adecuados.
– Porque permiten que a cidade vexa depuradas as súas augas residuais a principios de 2016 grazas á nova EDAR de Lagares.
En definitiva, estamos falando dun investimento que constitúe aposta de pasado e, sobre todo, aposta de futuro por Vigo. Para que siga sendo o motor económico de Galicia.
Porque, non o dubiden, 2015 é o ano de Vigo e as actuacións ás que me acabo de referir así o testemuñan.
En definitiva, unha actuación coordinada e decidida que contribuirá, sen dúbida, Á CONSTRUCIÓN DE VIGO COMO UN MOTOR ECONÓMICO DE PAÍS.
Moitas grazas.
[1] Artículo “El transporte de la economía la economía del transporte” de Andrés Monzón e Elena López, da Universidade Politécnica de Madrid, publicado na revista Rutas da Asociación Española de la Carretera no seu número 2 de 2014.



















