As infraestruturas centraron boa parte do encontro empresarial co candidato do BNG
«Vigo é inconcebible sen industrias». Xabier Pérez Igrexas inaugurou hoxe o ciclo que o Círculo adica ás eleccións municipais, cun pequeno almorzo no que o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo intercambiou propostas cos empresarios e tomou nota das súas inquedanzas.
Leas institucionais, infraestruturas, área metropolitana, PXOM… foron algúns dos temas comentados polo candidato do BNG. Xabier P. Igrexas non ocultou certa envexa da actitude do goberno portugués porque mantén «unha distancia sideral co desleixo e falla de impulso do goberno español». Referíase a cuestións como a conexión ferroviaria Porto-Vigo, ou da política aeroportuaria: «A mellor perspectiva sobre as posibilidades dos aeroportos galegos é a do alcalde de Porto».
Infraestruturas
Candidato e empresarios coincidiron na preocupación polas infraestruturas ferroviarias: «Todo o territorio español está artellado na Alta Velocidade», da que Vigo sufre «illamento», subliñou o presidente do Círculo, Manuel Rodríguez. Tamén o candidato nacionalista reparou en que «hai territorios no Estado con menos poboación que a área de Vigo que ten tren de cercanías».
Apostar polo Eixo Atlántico e pola colaboración entre as sete grandes cidades de Galicia, mellorar a media distancia ferroviaria e que bote a andar a conexión da saída sur con Porto son reivindicacións expresadas polo candidato neste almorzo no que criticou a “continua desatención” ás necesidades de comunidade porque se busca “converter Galicia nunha periferia compradora”.
“O que máis vai acelerar a conexión de Vigo coa Meseta é a conexión sur”, apostou, ao tempo que reclamou consensos entre o Concello e a Autoridade Portuaria e un grande mesa cos axentes socioeconómicos para “avanzar no perfil portuario da cidade de Vigo. O porto non pode ser un banquiño á espera de postos de maior alcance”.
Xabier P.Igrexas avogou polo desenvolvemento do sistema aeroportuario galego. “Na competencia entre aeroportos galegos, Vigo non gaña. Pero tamén é certo que hai quen xoga a canto peor, mellor; pero quen perde é a cidade”. Neste senso, considerou que Peinador ha de ser desenvolvido como o aeroporto do sur de Galicia.
Vigo
A fallida articulación da Área Metropolitana de Vigo derivou, ao seu xuízo, na paralización de Vigo e na súa perda de impulso e de peso, unha circunstancia agravada “pola confrontación entre Xunta e Concello. “Cando se apagan as luces vemos como a cidade vai quedando atrás, vemos a desertización industrial”. De feito, Vigo conta con 18.000 desempregados, e ofrece 4.200 empregos menos que ao inicio da pandemia.
Non se mostrou moi optimista Xabier sobre o polémico PXOM vigués, do que vaticinou que vai quedar «peor que despois da sentencia do Supremo».
Non obstante, o candidato nacionalista cre que “2023 é un ano de oportunidades. Máis alá do dinoseto ou das luces, hai que resetear a política frívola da cidade e devolverlle a Vigo o seu papel como verdadeiro motor de cambio de Galicia”.
Blindar o futuro da automoción, o naval, a pesca, a actividade portuaria; facer de Vigo a capital galega das telecomunicacións, e defender o pequeno comercio e o turismo sustentable, son algunhas das súas propostas, desbotando o “monocultivo das luces” e o “monocultivo do Xacobeo”.