R renova o seu acordo co Círculo de Empresarios de Galicia para avanzar en innovación e adaptación á era dixital

Firma circulo_R01a

Noticias

R renova o seu acordo co Círculo de Empresarios de Galicia para avanzar en innovación e adaptación á era dixital

15 nov 2019

Na súa aposta permanente polas empresas, R prosegue a súa colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia mediante actividades de valor engadido para o sector

 Esta mañá rubricaron o acordo a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia e o director de Empresas de R e do Grupo Euskaltel

 En virtude do convenio poranse en marcha encontros empresariais e xornadas arredor da innovación, a transformación dixital e o emprendemento, entre outras cuestións

 

 A Coruña, 15 de novembro de 2019.- Patricia García González, presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, e Isidro Fernández De la Calle, director de Empresas de R e do Grupo Euskaltel -do que R forma parte- asinaron esta mañá, na sede do operador galego na Coruña, a renovación do acordo de colaboración entre ambas as dúas entidades.

 

Con este novo convenio, R e o Círculo ratifican o seu compromiso con Galicia e a súa confianza mutua dando continuidade ás vías de colaboración xa abertas para potenciar conxuntamente iniciativas que xeren valor no tecido empresarial galego e favorezan o desenvolvemento económico da comunidade.

 

Encontros e xornadas, innovación e transformación

 

R e Círculo porán en marcha un ciclo de almorzos R, encontros dirixidos ao tecido empresarial de Galicia -empresarias/os e executivas/os- e conducidos por un convidado referente na súa actividade. Este experto compartirá a súa experiencia e coñecemento co auditorio para tentar mellorar o modelo de negocio das empresas e facilitar a súa adaptación aos cambios no mundo dixital e tecnolóxico.

 

 

O programa do ciclo centrarase en materias clave da innovación e a transformación dixital que figuran na axenda estratéxica da maioría das empresas a día de hoxe: realidade virtual e aumentada, chatbots, IoT, intelixencia artificial, Big Data, blockchain ou ciberseguridade, entre outras.

 

R participa, asemade, noutra serie de xornadas dedicadas aos principais retos e tendencias da economía, os mercados globais e outros contidos programados polo Círculo para achegar temas considerados de proxección na actualidade. Baixo o título Acercando el futuro e no contexto temporal da contorna económica de hoxe pero tamén do mañá exporanse preguntas como ‘cara a onde nos diriximos?’ ou ‘cales son os principais desafíos económicos que se nos presentan a nivel internacional?’

 

 

Café para emprendedores e máis cousas

 

No mesmo contexto deste novo convenio con R tamén ao Círculo daralle máis percorrido á súa iniciativa Start up café, ‘conectando ecosistemas’, un programa de actividades relacionado coa contorna do emprendemento e o investimento no que participan como convidados emprendedores exitosos. Eles terán oportunidade de compartir a súa historia e as claves do seu éxito; e contarán o que a eles lles tería gustado saber -pero non lles contaron- antes de iniciar a súa aventura emprendedora. A idea é habilitar e compartir un espazo onde inspirarse para crear algo novo, discutindo ideas xeniais con xente interesante nun ambiente relaxado.

 

Por último, R patrocinará tamén unha sesión do programa Encontros Encírculo, accións continuadas dun programa de actividades onde o Círculo é o punto de referencia. Neste caso, o título da xornada será Mapa ecosistema emprendimiento #en_construcción: tras un exercicio de análise organizarase un foro de discusión e colaboración coa idea de coordinar ese ecosistema favorable ao desenvolvemento de novas empresas en Galicia.

 

 

sobre o Círculo de Empresarios de Galicia (Círculo)

Punto de encontro de directivas/os, empresarias/os e profesionais e foco central de negocios en Galicia, o Círculo defendeu dende a súa creación os intereses das mulleres e os homes de empresa, contribuíndo ao desenvolvemento económico de Galicia e do norte de Portugal. Para iso pon en marcha iniciativas a prol da mellora da competitividade empresarial no seu ámbito, de investimentos para desenvolver a actividade das empresas e do intercambio de experiencias e a difusión de análises socioeconómicas e novas tendencias. Tamén desenvolve un marco activo de relacións empresariais como instrumento de acceso a novas oportunidades de negocio e panca de colaboración entre empresarias/os para potenciar o sector en Galicia.

 

sobre R

O operador galego R, que xunto con Euskaltel e Telecable forma parte do Grupo Euskaltel, ofrece servizos avanzados de internet de alta velocidade (ata 500 megas), televisión dixital e telefonía fixa e móbil, e dende hai anos é a opción preferida nos fogares e empresas galegas alí onde ten despregada a súa rede de fibrq óptica. O operador galego investiu ata o momento preto de 1.300 millóns de euros neste proxecto para Galicia, onde xa está presente nuns 130 municipios nos que presta servizo a arredor de 300.000 clientes entre residenciais e empresas. (www.mundo-r.com)

admin
Administrador